InicioEconomía"Máxima preocupación" no palangre de superficie de Burela tras facer balance de...

“Máxima preocupación” no palangre de superficie de Burela tras facer balance de 2020

Os armadores quéixanse do impacto da Covid-19 na comercialización de caella e peixe espada, pero tamén dos "problemas burocráticos" que atribúen ao Goberno en relación ao marraxo

Publicada o

- Advertisement -

A Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo cualificou a situación da frota de palangre de superficie de “alerta vermella“, despois de realizar un “primeiro balance” do ano 2020. Os armadores aseguran que a “preocupación” é “máxima” como “consecuencia dos principais impactos da Covid-19 no mercado e dos prezos, pero tamén dos problemas burocráticos xurdidos entre diferentes departamentos do Goberno central en relación ao marraxo“.

Segundo os empresarios, o “primeiro problema xurdido coa Covid-19 foi un peche practicamente total do comercio internacional e da canle Horeca (Hoteis, restaurantes e cafeterías), motivo polo que se resentiron especialmente as contas de explotación ao reducirse drasticamente as súas vendas”.

A partir deste marco, “outros problemas provocaron un gran impacto” na explotación das especies principais do palangre de superficie, a caella e o peixe espada. “Durante meses unha porcentaxe aproximada ao 50% das súas capturas mantívose sen poder vender, e polo tanto, xerar vendas, mentres o outro 50% era vendido a prezos irrisorios. Mentres tanto, os frigoríficos cheos de mercancía, xeraron ás empresas uns maiores custos de almacenamento”, expoñen.

A esta situación “hai que sumar tamén unha caída importante nos prezos medios destas especies. Segundo datos dun balance previo do exercicio, os prezos medios de caella sufriron un 28,68% de caída respecto ao 2019 e un 22,30% respecto ao 2018. No peixe espada, a caída respecto ao 2019 foi dun 11,61% e dun 16,70% respecto ao 2018.

PEIXE CAPTURADO E SEN PODER VENDER

Ademais, “desde novembro de 2019, a terceira especie en importancia (marraxo dentuso) está incluído no anexo II de CITES (Comercio Internacional de Especies Amenazadas de Fauna y Flora Silvestres), o que complicou de forma importante o seu comercio internacional”, remarcan os armadores, que afirman “non entender” como “xorden estes problemas entre departamentos dun mesmo Goberno, e así, mentres se cumpren as normas pesqueras de ICCAT e do Ministerio de Pesca, existe un bloqueo desde Transición Ecolóxica ao comercio de marraxo do Atlántico Norte desde o mes de xullo”.

Os armadores quéixanse de que “non se tiveron en conta” os “esforzos” para a “sostibilidade, como os FIP -proxectos de mellora-, levar observadores a bordo para recompilar datos científicos, ou participar en diversas medidas técnicas de mitigación. Tampouco que todas estas decisións de CITES tomáronse logo dunha avaliación defectuosa e falta de datos en 2017 en ICCAT, o que prexudicou á cumpridora frota europea e que deixa liberdade a outros países competidores, sobre todo asiáticos, que seguen fornecendo ao mercado”, argumentan.

AS PERSPECTIVAS PARA 2021 “SON PEORES”

As perspectivas para 2021son aínda peores“, dado que Transición Ecolóxica “é autoridade científica e asume tamén a emisión dos certificados de comercio. De momento non se desbloqueou o capturado en 2020 e aínda sen comercializar, pero tampouco se informaron das directrices a seguir este ano”, salientan os armadores.

Por todo isto, decidiron “estudar diversas alternativas, como accións xudiciais“, que analizarán nos próximos días, “buscando a defensa patrimonial e a viabilidade das súas empresas, así como unha aclaración de quen asume as competencias pesqueiras dentro dun mesmo Goberno, esixindo normas claras e sinxelas para todos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...